A receita familiar.

Primeiro os ingredientes: a que se ve na foto leva medio quilo de patacas novas, algo menos de un cuarto de tomates de ensalada, algo menos de 200 gramos de cenorias e o mesmo de chícharos, 150 gramos de bonito en aceite (peso escorrido do bonito), tres ovos cocidos, un bote de olivas recheas de anchoa, un pouco de cebola, sal, aceite de oliva e vinagre de viño.

Onte cocín as patacas, as cenorias, os chícharos e os ovos. É imprescindible cocer as patacas sen pelar, o mesmo que as cenorias. Cócense en auga con sal e pélanse cando xa van mornas. Os chícharos cócense en auga con sal.

Así que hoxe limiteime a montar o prato: una capa de pataca cocida cortada como para tortilla e derriba un pouco de cebola ben picadiña. Despois sucesivas capas de chícharos, cenorias e tomate, intercalando o bonito e as olivas. E volta a comezar coas patacas. É moi importante salgar as patacas e o tomate. Os chícharos xa teñen o seu sal e as cenorias non o precisan.

Dos tres ovos cocidos reservo dous para poñer cortados en cuartos ao final. Do terceiro reservo a xema e pico a clara polo medio da ensalada. A xema reservada esmágoa nunha cunca, mesturándoa cun pouco de aceite de oliva virxe e vinagre, case tanto vinagre como aceite. Con esta mestura hei mollar a ensalada unha vez acabada de montar a fonte.

Sirvo acompañada por maionesa caseira, feita con ovos, aceite de oliva suave, sal e zume de limón.